Carne en rolo


DSCF0016

Antiga receta de cando non existía internet,  nin os blogs, nin había master chefs,  nin toda esa parafernalia, e a xente cociñaba de orella, e dicir, como lle ian contando os seus maiores. A min contoume este receta miña mai.

INGREDIENTES

Un trozo de carne cortado fino para poder enrolalo despois.

2 ovos

100 grs. xamón serrano en lonchas finiñas

un bote pequeno de pementos morróns

10-12 olivas recheas, con oso ou sen el

1 cebola

100 grs de pemento verde picado en trozos pequenos

100 grs pemento vermello tamén picado

1 cenoria

1 vaso de viño de cociña.

aceite, sal, pementa e as herbas que nos gusten. Eu botei ourego e finas herbas.

A carne pídese na carnizaría que a preparen para facer en rolo e xa saben  como hai que facer.

 

PREPARACIÓN

  • Facer unha tortilla redonda con cada ovo. Reservamos.
  • Colocar a carne ben estirada e salgar lixeiramente.
  • Encima da carne colocar as tortillas procurando que cubran todo o posible pero deixando unha marxe ao redor.
  • Despois irán as lonchas finiñas de xamón serrano.
  • Colocar as tiras de pementos morróns.
  • Repartir as olivas.
  • Enrolamos a carne que quede apretadiña. Podemos cosela con fío de cociña para que non se desfaga ou suxeitala con escarvadentes. Eu prefiro cosela para que non se desfaga e queda mellor. Reservamos.
  • Nunha pota na  que poidamos meter o rolo poñemos 3 culleradas de aceite e fritimos a cebola cortada en trozos, os pementos  troceados e a cenoria tamén troceada. Deixamos pochar lentamente.
  • Mentres , pasamos por fariña o rolo de carne e dourámolo lixeiramente nunha tixola con aceite. Non fai falla que o aceite cubra o rolo, solo un pouco e imos dándolle voltas para que se dore ben por todolos lados.
  • Unha vez dourado  pasámola a pota onde están as verduras. damoslle unha voltiña e engadímoslle o viño. Deixamolo evaporar un par de minutos e engadímoslle auga quente cubrindo ata a metade do rolo mais ou menos. Deixámolo cociñar  durante unha hora a lume medio dándolle volta cada 10-15 minutos.
  • Cando estea, retirar da pota e deixar arrefriar. Cortar en toros algo grosos. Pasar a salsa pola batedora e servir acompañando a carne.

Quédalle moi ben un acompañamento de arroz basmati, ou unhas pataquiñas fritidas cortadas en cadradiños.

 

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *