Cando vin esta receita no blogue de Rebeca gustoume moito e pareceume que poderia ser moi saborosa. Xa probara outra de peituga de polo cociñado tamén a baixa temperatura e saira moi saborosa, polo que me decidín a probar este outra e a verdade é que non me decepcionou, está moi rico. Teño que dicir que o salmón sae moi brandiño polo que o temos que manexar con coidado ao sacalo da bolsa e servilo, polo demais todo perfecto.
Para esta receita precisamos un aparello para envasar ao baleiro e unha Thermomix. Aínda que se pode facer sen ambos, facelo así facilita moito o traballo. Xa que coa Thermomix non temos que estar pendentes da temperatura e coa envasadora énos máis facil facer o baleiro.
Ingredientes
- 3 lomos de salmón sen espiñas
- 2 culleres sopeiras de salsa de soia
- 2 culleres sopeiras de manteiga
- 1 cabaciña
- 1 xema de ovo
- 1/2 lima (vale vinagre se non tés lima)
- Eneldo
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal
Preparación
- Limpar o salmón de espiñas, se as tivera. Mellor usar salmón fresco, pero neste caso useino conxelado, estamos confinados e non é cuestión de saír todos os días. Desconxelar previamente o salmón.
- Introducir o salmón nunha bolsa hermética. A continuación botamos na bolsa as dúas culleres de salsa de soia e as de manteiga, previamente derretida, así como o eneldo. Facer o baleiro na bolsa do salmón.
- Botar auga na vaso da Thermomix para cubrir a bolsa do salmón. Colocar o cestiño.
- Poñer a funcionar a Themomix 5 minutos/50º/velocidade culler.
- Introducir a bolsa do salmón no cestiño e programar 20 minutos/50º/velocidade culler.
- Cando remate a cocción sacar a bolsa cortar unha esquina e botar o xugo que hai na bolsa no baso batedora.
- Saca o salmón como moito coidado xa que queda moi brando e rómpese moi doadamente e pono nos pratos.
- Engade ao baso da batedora, unha xema de ovo e un chorro de lima e un bo chorro de aceite de olivae emulsiona como se estiveras a facer unha maionesa. Se ves que queda moi líquido incorpora un pouco máis de aceite. Pon unha cullerada de salsa sobre cada anaco de salmón.
- Corta a cabaciña coma se foran tallarines e dalle unha volta na tixola cun pouco de aceite e un allo. Dous minutos para que tome o sabor do allo e salpimenta.