Cando estaba no colexio de Présaras, faciamos moitas excursións cos rapaces. Eran saidas á praia, a ver outras cidades ou a algún sitio interesante. Cada cativo levaba a súa comida e os profes organizábamonos para levar entre todos. O mellor recordo desas comidas ( a parte da xente, que iso era o mellor ) , é a tortilla campesiña de Guillermina.
Con esto de estar tanto tempo na casa deume a morriña e acordeime dos bos tempos e , claro, da tortilla.
Fixemola para recordar.
INGREDIENTES
- 1 cebola picadiña
- 1 cenoria picada en lonchas finas
- 1 pemento verde picado
- 1 chourizo ben picadiño
- 150grs de guisantes cocidos
- 3 patacas grandiñas
- piza de sal e unhas gotas de tabasco
- 6 ovos
PREPARACIÓN
- Pelamos e troceamos as patacas para tortilla, non moi grosas.
- Nunha tixola poñemos a quencer aceite suficiente para fritir as patacas. O aceite sobrante poderase gardar para outro uso. non poñer o lume moi alto.
- Botamos primeiro as patacas, deixamos fritir un pouco e engadimos a cebola, logo a cenoria, o pemento e o chourizo. cando case estea todo listo engadimos os guisantes, e o sal. Retiramos do lume , escoamos o aceite e reservamos .
- Batemos os ovos e mesturamos coas patacas. Aquí engadimos o toque de tabasco ao gusto.
- Facemos a tortilla coma sempre, dourando ben polos dous lados e procurando que non quede seca.
E pensamos na comida de campo ou de praia que imos facer en canto isto remate.